sábado, 10 de enero de 2015

POR QUE ESCRIBO

Porque as ideas son coma un turbillón invadindo a miña cabeza. Coma bolboretas batendo as ás no cristal do tarro que as separa da liberdade ate que, por conseguir que vire a tapa e as solte, son capaces mesmo de espertarme en plena noite ameazando con marchar de non ser que as anote.

Porque as veces sinto que o mundo non me entende ou que tal vez a emisión dos meus sentimentos de forma verbal é insuficiente. Neses casos non dubido, abro o meu caderno e escribo. A miña man convertese en mestre de orquesta que, cun boli por batuta, dirixe os meus pensamentos  traducindo a letra escrita o pentagrama da triste melodía da miña alma.

Escribo por necesidade, porque o preciso, porque o meu interior se revolve e semella que vai estoupar se non o fago. Que máis ten se é unha reflexión, unha descripción, un pensamento, unha observación ou un diario. Escribo para voar ceibe, para percorrer os milleiros de paixases agochados na miña estrambótica imaxinación e revelarllos a ese papel, paciente e calado, sempre disposto a encher o seu espazo en branco.

Mais non soamente ás follas sufren o formigueo da miña pluma, sírvome de todo tipo de soporte. Escribo no ordenador,  no Facebook, no Twitter, no blog.  En cadernos, tiquets da compra, tapas de caixas de cartón, ás veces incluso no propio taboleiro da miña mesa. Que máis da ónde, as palabras  emerxen fluídas, sen forzalas, veñen a mi para ser rescatadas. Non importa se ao escribilas abro a caixa de pandora, ou se os meus ollos énchense de bágoas, tanto ten se se ruborizan as miñas meixelas ou se solto a máis sonora das gargalladas. 

Escribo sen límites, sen apuros, sen puntos finais, todo canto queira contar podo facelo sen que nin o reloxo nin o resto da xente me pare. Escribo porque hay moito de min ou nada nas miñas verbas, porque a realidade se disfraza e toma outros nomes, outras formas e cores. Porque cando escribo non levo a mordaza na boca. O que calo no día a día, o que admiro ou lamento, o que celebro, o que choro, o que sinto, soamente ten cabida nos meus textos.




2 comentarios:

  1. Uaaaaaaaaaauuuuuuuu!!!!!!!!!!! Bágoas... teño bágoas... eu xa fixen tamén o meu... pero non é tan emotivo...

    ResponderEliminar
  2. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar